© blog: Son de Oleiros

sábado, 12 de febrero de 2011

A SAÍDA DA CRISE, Parte II: A capacidade dos políticos baixo sospeita.

A SAÍDA DA CRISE, Parte II: A capacidade dos políticos baixo sospeita.

O plans operativos de Goberno, Oposición, Empresa e Sindicatos non debe limitarse, nun escenario global competitivo, ao estudo e aplicación de medidas de aforro na aplicación do estado de benestar. O incremento da competitividade ten de constituírse no elemento re-lanzador da economía e para ilo o recurso de reducir salarios e incrementar horas resulta moi anticuado. O prioritario e redefinir os campos produtivos, adquirir a cultura do “Know how” en tódalas escalas da empresa e da función pública, e perseguir a excelencia na formación e no desempeño profesional.
Por desgracia estes temas non son prioritarios nin na axenda do executivo central nin nos plans autonómicos, exceptuando ao País Basco. Os cursos formativos que ofrece o Inem vencellados ao dereito á prestación non contemplan a apertura a un novo escenario e abundan en tópicos xa sobresaturados na oferta de man de obra.
A Administración ten de ser imaxinativa e os cidadáns cómplices na perda dese medo á liberdade para repensar a sociedade. Non digo que non sexa importante a alfabetización informática ou o manexo elemental das ferramentas de xardinería. Pero estamos a ignorar un capital que en Galiza permitiría a absorción dos desempregados, a posta en valor do patrimonio natural e a explotación racional e sostible dos recursos, con resultados ademais positivos na vertebración do espazo.
Estou a falar da reocupación do campo, da repoboación de núcleos abandonados que cumpre restaurar, na proliferación de granxas mariñas, na des-ubicación, lonxe das rías, das industrias contaminantes para proceder ao drenaxe e á semente das cetáreas, no incentivo da plantación de madeira autóctona e a posta en valor dos montes, no fortalecemento e protección dun clúster galego da leite e derivados que xustiprecie o traballo dos gandeiros, na ampliación da rede de bibliotecas de barrio, vs. a macrobiblioteca do Gaiás, con cuxas dotacións a edición en galego e a lingua teñan presente e futuro, a redefinición da necesidade de espallar a acción cultural en espazos permanentes nos barrios e vilas que supoñan un alicerce para a consolidación das vocacións teatrais e musicais e contribúan ao renacemento das vocacións artísticas... Estou tamén a referirme a incentivar as bolsas de tempo para que a propia sociedade se dinamice e contribúa a paliar o déficit de asistencia social e atención a dependentes, como tamén da necesidade de que a Administración coparticipe na investigación tecnolóxica e nos proxectos innovadores.
É moi difícil para un galego triunfar en Galiza. Xa partindo da base de que somos o único pobo no mundo que renega da súa propia lingua, de moitos dos seus atributos e que non temos nin simboloxía nin proxectos que compartir como pobo. A clase política galega con acceso ao poder non pensa tampouco en clave de país. A partir dilo compréndese mellor que sexa máis doado atribuír, como fai o presidente, o fracaso na creación de emprego ao papel infame da oposición.
Desa recorrencia ao “e ti máis” sae perdendo a sociedade galega, que non ten diversificado o risco de afundimento. Agora mesmo a estabilidade das grandes cidades descansa perigosamente na continuidade de Citröen e Zara. Houbo moitos anos de bonanza para ir ampliando o colchón, pero os políticos de este país funcionan por reacción e nunca por anticipación.
Ao fin, a necesidade de seren pro-activos debería formar parte do test aptitude psicolóxica levado a cabo por persoal especializado na selección de recursos humanos e que, nos tempos que estamos a vivir, debería ser de cumprimento obrigado para os nosos dirixentes, tendo en conta que aínda o traballador menos cualificado ten de pasar por ese filtro. Coa intervención dunha boa consultora evitaríase que persoas cuxos méritos teñen que ver con aprobar unha oposición consistente en amosar que se teñen memorizados varios tomos de temarios teóricos e que nunca tiveron que tomar decisión ningunha relativa á aspectos de xestión, cal fai un empresario, poidan chegar a ser os xefes da empresa máis grande do país: o Estado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...