© blog: Son de Oleiros

viernes, 11 de febrero de 2011

A SAÍDA DA CRISE, PARTE I: A superación das auto-limitacións

Dicía un filósofo alemán que a meirande vergoña para o ser humano é a de negarse a extraer de si mesmo o mellor.
É unha boa teoría, que pode chegar a sustentar unha lei non escrita sobre o xeito en que a sociedade tende ao progreso. Mais hai que tomala con cautela. Cumpre ter conta dos condicionantes individuais, entorno, valores, circunstancias familiares, crenzas que pesan detrás de cada decisión, de cada paso nunha ou noutra dirección. Neste momento que vive o noso mundo cobra máis validez terapéutica que a mesma farmacoloxía a lectura dos filósofos, que puxeron en perigo a súa saúde mental para tentar salvar a do resto dos mortais.
Nas grandes cidades, por aquí e por acolá, pululan fornadas de cidadáns que se negan a asumir a responsabilidade de levar, eles sós, o timón das súas vidas. A súa existencia está construída sobre os cimentos de renuncias, de fuxidas e de refuxio no que menos tensión provoca no curto prazo de tempo. Ao mesmo tempo, reclaman do Estado e das Administracións locais e autonómicas solucións para tódolos seus problemas, depositan nos médicos a responsabilidade da súa curación e nos mestres, exclusivamente, o deber de educar con bo aproveitamento aos seus fillos. É un reflexo do medo compartido e, por tanto, menos oneroso, á liberdade: liberdade para esixir dereitos pero, e isto é esquecido, tamén para asumir deberes. Entre eles, o de reportar á sociedade o valor do mellor desempeño profesional no beneficio non só da familia senón tamén do sistema.
Mais esta é hoxe unha idea anticuada e quen a esgrime é cualificado de comunista e anacrónico. Sen embargo, nestes tempos de recursos limitados cumpre ter presentes os custes millonarios para o Sistema da formación de médicos, controladores aéreos, enxeñeiros e profesionais moi cualificados. Por iso, e aínda recoñecendo a o dereito á liberdade individual de decidir o destino profesional, hai que concluír que é unha pésima inversión para un país investir na completa formación de profesionais e investigadores de grande cualificación para que logo non revertan os seus coñecementos no propio país que fixo o esforzo.
A saída dunha crise como a que vivimos, conxuntural pero tamén do modelo, do sistema, precisa dunha visión a longo prazo, con incrementos -que non reducións- en I+D+I e en políticas activas de fomento de novas fontes de emprego, cando a realidade e que o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten as competencias transferidas, reduciu os orzamentos nun oitenta por cento.
O escenario resultante e desolador: a clase política sen un plan de ruta pactado para traballar cos axentes sociais na descuberta de novos nichos de emprego e na definición dunha sociedade con necesidades distintas e con orientacións diferentes para estimular e investir o aforro na xeración de estruturas produtivas non especulativas, con futuro. (Continuará)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...