© blog: Son de Oleiros

martes, 10 de abril de 2012

Sempre se matan os mesmos para que manden os de sempre

“O oficio máis antigo do mundo”

O próximo capítulo de recortes vai afectar, aínda máis, á sanidade e á educación. Mellorar a xestión tería de ser un obxectivo con retorno de recursos moi precisos nas dúas areas: debería supor destinar os cartos aforrados a reducir as listas de espera, recargar as actividades complementarias no ensino, retomar a senda do I+D+I, perseguir a excelencia, desenvolver a lei de dependencia, protexer o exercicio profesional das mulleres que dan a luz para que se poidan sentir “auténticamente persoas”, máis aló do cinismo do Gallardón e do seu goberno que da curso legal ao despido procedente por faltar nove días ao traballo aínda que sexa por enfermidade grave das criaturas polas que tanto din preocuparse... retorno de recursos para levar a cabo os sempre pendentes plans de inserción laboral para titulados de F.P. mediante convenios coas empresas...
O PP faría mellor, se non quere ser un goberno provisional, recabando o diñeiro que necesita para pagar os intereses da débeda incrementando xa dunha santa vez a imposición fiscal sobre as grandes fortunas. É de tal dimensión a capacidade de acumulación dun censo de cinco milleiros de grandes ricos en España que aplicar sobre as súas rendas un tipo proporcional e axeitado non afectaría ao seu patrimonio e moito menos aos fluxos de necesaria reinversión de parte dos dividendos en Innovación. ¡Se mesmo os plutócratas en USA e Francia veñen demandando aos seus gobernos que lles fagan tributar máis!
Detrás de todo este despropósito, detrás do recurso fácil da conxelación dos salarios de supervivencia, segue a pesar o medo das autoridades monetarias á fuga de capitais e tamén os intereses espurios por favorecer á teta que lles dará leite se deixan a función pública -moitas veces mesmo antes de deixala-. Por iso o esforzo económico seguen a soportalo as clases medias, o proletariado, namentres os acaparadores viven nun xardín das delicias nun escenario que contempla a pervivencia obscena de paraísos fiscais, apalancamento das divisas, axencias de valoración ao servizo dos especuladores e reservas federais dándolle ao fabriquín do diñeiro segundo o precisa o oficio máis antigo do mundo: a usura.
Por iso os discursos dos séculos XIX e XX quedan obsoletos. O mundo é dos especuladores e ao rebufo das súas operacións e enroques os cidadáns rasos non temos capacidade para mudar as cousas por vía pacífica nin tampouco a través de revolucións sanguentas, nas que sempre se matan os mesmos para que sigan a mandar os de sempre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...