Os gurús da crítica literaria, a
situación económica, a retracción do mercado e, ao fin, unha
análise pormenorizada de todo o que se publica en España ao longo
do ano insisten na tese de que unha porcentaxe que pode estimarse no
corenta por cento dos títulos son aportes prescindibles. Non só
porque o universo de lectores potenciais compón a mesma foto fixa
desde os anos oitenta, senón e sobre todo porque os filtros sobre a
calidade do que se publica non teñen potencia e obxectividade
dabondo. En España edítanse cincuenta e cinco mil libros novos cada
ano, os mesmos que en Alemaña, que duplica a nosa poboación, e
varios miles máis que en Francia ou Italia.
Considerando todo isto a aparición nas
librerías do país e de todo o Estado da última entrega do
prestixioso fotógrafo coa dobre nacionalidade, ourensán e viguesa,
Guillermo González Vázquez, que leva por título “Los centinelas
del mar” supón un reforzado motivo de satisfacción dentro do
panorama editorial, pola entidade formal e a fermosura impactante do
traballo pero tamén por cumprir esa función de cubrir unha
orientación temática pouco tratada.
O traballo fotográfico de Guillermo
González nesta publicación e impagable: non só porque fai unha
recollida exhaustiva da meirande parte dos faros que salpican a costa
desde Donosti a A Guarda, non só porque o fai con perspectivas
inéditas, luces que requiren non só dunha técnica depurada senón
tamén de sensibilidade extrema e, sobre todo, da paciencia, esa
virtude sen a cal moitos dos legados de imaxes máis importantes
nunca se terían producido e que leva a Guillermo a agardar, a
insistir, a experimentar, reflexionar e sentir, dentro do diálogo
aberto entre o fotógrafo e a materia que o impresiona, e no que a
técnica é a ferramenta que o propicia.
Esa realidade é teimuda é expresiva
para quen ten a sensibilidade de percibila cos seus matices
diferenciais, como diferentes son os faros que sinalan as entradas
aos portos ou a presenza de enfilacións ou acantilados na liña de
costa diversa desde o Miño ate o Bidasoa: Rías Baixas, Costa da
Morte, Rías Altas, Cantábrico galego, Asturias, Cantabria, País
Basco. Diferencias impostas polo mar pero tamén consecuencia da
cultura arquitectónica de cada pobo e da pegada, o selo persoal dos
autores das casas da luz que buscaron a integración na paisaxe das
súas invencións para facilitar o diálogo coa natureza desde
perspectivas singulares.
Recoller nun libro esa singularidade
dos faros do norte de España é o encomiable aporte de “Los
centinelas del mar”, un libro evocador dun mundo de luces,
distancias, naturezas indómitas, soedades militantes... e tamén de
testemuñas de sucesos lexendarios e de memorias revividas.
“Los centinelas del Mar”
Edita: Gestión y tratamiento de imagen
del Atlántico. VIGO, Decembro 2012.
No hay comentarios:
Publicar un comentario