(Capítulo do ensaio humorístico: Galegos. A Galiza do século XXI)
Copyright: Santiago Casal Quintáns.
Ano: 2011
Os galegos practican o principio de que si algo pode
facerse mal, para que facelo ben?
Por todas partes hai pegadas dunha tendencia marcada cara á
auto-aprendizaxe: na agricultura, na construción, na carpintería, na
xardinería, en tódolos oficios manuais e tamén nas actividades artísticas os
galegos “ignoran” a existencia de manuais e desprezan o legado dos outros[1].
O inventario de ocasións para toda sorte de intervencións de colleita propia é
tan interminable como contrastado: un chimpín de masa para acceder á propiedade
formando unha superficie des-conchada e irregular; un farol inclinado suxeito
con ventos de arame; tellas aseguradas con enormes pedras de granito enriba
delas; canlóns reparados con parches de tela asfáltica e amarrados con cordas;
pastores eléctricos para gardar o gando enganchados en somieres
estratexicamente situados para medio electrocutar aos camiñantes incautos;
patas das cadeiras aseguradas con puntas á vista; fíos da corrente pelados
provisionalmente e pendentes durante anos de seren forrados ou fichados; os
buratos de seguridade para ventilación en caso de escape de gas tapiados por un
moble; a ausencia de portalámpadas en instalacións de alpendres e faiados;
arquetas dos sumidoiros situadas a nivel coa rede de saneamento para que a merda
colla o camiño de volta á casa...
Fora do ámbito da construción e o mantemento
doméstico a interiorización da inescusable presenza da calamidade impregna o
comportamento do galego: o desprezo do coidado da saúde porque a enfermidade e
a morte son un destino fatal[2];
a preguiza na administración da facenda, na presentación de papeis dentro do
prazo, na petición de licencias e permisos, polo medo da uniformidade que supón
estar dentro da lei; o declive da intensidade e a xenerosidade na relación de
parella porque ser sensible fai máis feble e ser feliz da medo; a pouca
valoración dos riscos na estrada, na obra, en certos traballos, porque adoptar
medidas preventivas vai en contra da liberdade... para morrer?.
O galego prefire actuar conforme a unha idea de provisionalidade.
Fai as cousas mal adrede pola presunta urxencia, pero coa idea de melloralas
nun futuro próximo. O caso é, como facelo? Hai logo algún indicio de que ao
chapuzas acompáñano capacidades e dons bastantes para facer ben ese traballo
pendente? As raíces do desempeño fora de catálogo remóntanse aos estadios
iniciais no asentamento da poboación en unidades illadas, xa fora dos castros,
espalladas por un espazo físico case que excesivo. Os galegos estenderon as
súas propiedades con ansias de privacidade[3], como os cans
que se agochan para atacar unha presa de carne. E unha vez acadada esa esfera
do íntimo, estes pioneiros da autosuficiencia afiaron a imaxinación e a
capacidade creadora para resolver tódolos retos que a intendencia diaria ía
presentándolles[4].
Así, no cerne de todo galego está presente a pegada evolutiva de miles de anos
e o mérito de resolver, nunha soa vida, problemas e enigmas que noutras
sociedades, cunha concepción organizativa gregaria, son tratados coa vantaxe de
ter recibido en mellores condicións o legado xeracional de coñecementos e
valores.
O tributo que os galegos teñen pagado por ese modelo
de vida e de crecemento é grande. É certo que son seres modelados a partir do
propio esforzo persoal, con grande capacidade de supervivencia nas situacións
máis extremas. Pero, por contra, a calidade final das súas obras é hilarante
cando falla a titoría dos que saben[5].
Os galegos que pasan por escolas taller, centros de
formación, facultades de artes... os que, en definitiva, collen mestre, son
artesáns ambicionados e con éxito no seu desempeño[6]. Mais sempre
aportarán ese grado de diverxencia creativa que denuncia a súa reticencia a
admitiren a parte de responsabilidade de outros no propio traballo. Xa no
ámbito cotián, se algún día teñen que pedir un favor porque as súas habilidades
non chegaron para levar a bo porto unha obra, unha empresa pequena, a solución
a un problema doméstico, fano coa boca pequena e, non ben empezan a recibir a
chave para arranxar o asunto, xa se apresuran, incómodos, mesmo violentos, a ir
rexeitando a axuda, como se non a tiveran pedido. Non queren deber un favor[7].
Porque os galegos miden o seu poderío en razón do cociente entre favores feitos
e favores recibidos. Dormen máis tranquilos cando ese saldo é positivo, cando
non hai hipotecas no horizonte. Levado á esfera do hábitat, os galegos prefiren
ser pobres entre catro paredes da súa propiedade antes que levar unha vida de
caprichos vivindo en réxime de aluguer. É consecuencia dun carácter previsor
que fai deles grandes aforradores e inversores en bens inmobles, pouco ou nada
suxeitos aos vaivéns do mercado.
A meirande parte dos esforzos empresariais téñense
cimentado máis ca nada sobre a capacidade de traballo e de sacrificio[8].
Só nos últimos tempos despuntan algunhas vocacións de aliñar innovación con
espírito empresarial aventureiro. Mais o perfil do galego é pouco dado a
conciliar a capacidade de durmir coa posibilidade de que o valor do seu
patrimonio poida baixar un cincuenta por cento nunha semana. Para iso aforran
como as formigas mesmo os máis humildes. Sábeno ben os bancos e as empresas de
venta directa, a porta fría, que acadan niveis de vendas en Galiza como en
ningures.
Alí onde cheira a sardiñas con cachelos, alí hai un
cliente potencial para un relo como o de Xulio Iglesias[9] e unha
batería de cociña como a de Belén Esteban[10]. Os
responsables dos departamentos de mercadotecnia e vendas arengan aos mellores
elementos para que lle saquen o miolo aos galegos máis humildes:
– “¡No se dejen llevar por las apariencias! En las
casas más humildes es donde tienen el dinero escondido bajo los colchones,
envuelto en bolsas de plástico para que no lo coman los ratones. Si no son
ustedes, otros acudirán a sablearlos. ¡Y no me vengan con escrúpulos absurdos!.
Esos pailanes por más tontos que les parezcan se las han arreglado para cobrar
pensiones de minusvalía toda su vida por culpa de una hernia “fiscal” mientras,
en su vida privada, doman caballos si hace falta. Han tenido la inteligencia
suficiente para convertir un galpón en una vivienda, o para mover los hilos y
colocar a sus hijos en puestos de trabajo para toda la vida sin pasar por
oposiciones y a los abuelos en los mejores geriátricos públicos. Mientrastanto,
ustedes tan modernos con sus cacharros cuya letra apenas puesden pagar se las
ven y se las desean para llegar a fin de mes. ¡Entren en esas casas[11],
ostia!. ¡Venzan con tenacidad cualquier atisbo de resistencia y no dejen euro
sobre euro, que el año próximo esos cabrones ya habrán repuesto íntegramente su
capital!”.
Excursións a Portugal, demostracións en hoteis e nos
fogares, presentacións en centros sociais coa mediación dalgún veciño con moito
crédito no lugar. Multiplícanse as ocasións nas que o aforro dos galegos queda
exposto á actuación dos piratas legais que, remedando a labor dos vendedores
ambulantes no antigo Oeste americano, abordan a
esa parte da poboación galega que aínda está a transitar cara o século XXI
dende estruturas e escenarios pre-tecnolóxicos.
Por contra, para as novas xeracións, descendentes dos
que fuxiron ás cidades, hoxe non queda nada interesante nas aldeas. Os vellos
son moi vellos e os traballos e quefaceres do campo algo completamente
alienante. Nos días de festas patronais neses pequenos núcleos, despois de
xantar xuntos todos en familia, os maiores van saudar a primos e veciños, para
laiarse do abandonado que está todo. Namentres, os mozos e as raparigas
claudican da posibilidade de emprender calquera aventura e adoecen de tedio.
Coa cabeza gacha, tirados nas escaleiras de pedra que levan á eira, estrañan os
soportes tecnolóxicos e devecen por, en rematando a tortuosa tarde de Domingo,
voltar ao seu medio natural: a cidade, as catro paredes do seu cuarto, a soas
co Twenti e o Facebook. É o sinal de que todo mudou en pouco tempo nesta Galiza
que se engancha ao tren da cultura global, acentuándose unha desvertebración
entre o rural e as cidades que afonda aínda máis a fenda entre as xeracións
presentes.
[1]Máis sabe o raposo por ser vello que
por ser raposo.
[2]En mal de morte ningún médico ten
sorte.
[3]Dos amigos gárdeme Deus, que dos
inimigos gardámonos nós.
[4]Deus
da o frío a conforme é o abrigo.
[5]Aprendiz de moitas ciencias, mestre de
poucas sabencias.
[6]O que amodo camiña, chega a lonxe
axiña.
[7]O
que por si non se amañe por outro non agarde.
[8]Para recoller troitas hai que mollar o
rabo.
[9]Cantante, intérprete de música lixeira,
que vive “lexos dos teus lares” e presume de ser o que é por riba da marca de
relo que usa.
[10]Moza
asidua dos programas do corazón, a partir da súa separación dun toureiro e do
presunto despecho por parte da familia política. E unha especie de símbolo de
muller loitadora ¿?, desde a humildade, para moitas familias de clase media
baixa e escasas inquietudes intelectuais.
[11]Metín o rato no celeiro e fíxose o meu
herdeiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario