© blog: Son de Oleiros

sábado, 27 de julio de 2013

QUE NON, QUE NON É COUSA DO DESTINO

Cando se trata de desviar a atención sobre a responsabilidade das persoas nos aconteceres o máis fácil e atribuír todo a un fatum sobre o que nada está nas nosas mans para mudalo. Non me resigno a aceptar o etiquetado de Galiza como o país no que cada dez anos hai que cantar negra sombra nos especiais dos programas orquestrados desde a capital do reino e chorar desconsoladamente as desgrazas.
Os Urquiola, Mar Exeo, Erkovitz, Prestige... o “accidente” ferroviario de Angrois non sucederon por casualidade. Teñen máis que ver coa falta de prestixio dunha nación, a galega, pisoteada e que non é respectada sistematicamente nin a nivel internacional, en Bruxelas, nin no contexto estatal: a Historia amosa documentalmente o abuso de poder e o trato diferencial contrario ao dinamismo do pobo galego para favorecer intereses do centro e doutras comunidades. Así, foron arrasadas oliveiras e viñas, pechados portos ao tráfico con América, favorecidos arancelariamente e con carga de pedidos outros centros de produción privilexiado fronte aos galegos... o sector agropecuario e leiteiro foron desprotexidos fronte a operacións invasoras do capital estranxeiro mesmo favorecidas desde a clase política...
O accidente de Angrois está nesa liña de trato diferencial a Galiza, ao desprotexer dos sistemas de seguridade aplicados en toda a rede estatal de Alta Velocidade, de súpeto, por aforrar catro cadelas nunha inversión multimillonarias, un tramo de catro quilómetros cun punto recoñecido como negro polos especialistas e a Administración. A redución desde os 220 quilómetros por hora ate os oitenta logo dun percorrido practicamente en recta desde Ourense queda supeditado exclusivamente á actuación dun único maquinista e as súas circunstancias.
Ese elemento diferencial no trato que recibe Galicia, relacionado coa nosa incapacidade para facernos respectar, é o mesmo que inspira as críticas dos contertulios de Ana Rosa Quintana o do programa de Luis Herrero hacia o Presidente Feijóo por dirixirse en galego aos cidadáns de Galiza. Os programas de Ana Rosa, Luis Herrero e os que desprezan así a Galiza son copartícipes do proceso que leva a Administración a considerarnos cidadáns de segunda dentro do Estado e a levarnos, ao fin, pola senda desas desgrazas atribuídas ao destino e que non son outra cousa que a consecuencia do abuso centralista e o desprezo institucional e dos medios da corte.



1 comentario:

  1. Estimado Santi: coma sempre, atinado na túa argumentación e exposición de datos. Os teus comentarios en calquera dos pseudo-debates que orixinan as TDT, serían catalogados de ridículos ou “carroñeros” e ti pasarías a ser etiquetado primeiro de radical e, segundo foses aguilloando na ferida, terrorista.
    Porén, isto é o que che fai grande: que esteas nas Antípodas dese pensamento único, rancio e frívolo que mostran estes “cérberos” do inframundo que só procuran un nacionalismo español que os manteña “sine die” co seu cu ben apousentado e co goce eterno dos seus privilexios herdados por don divino.
    Coa idea de achegar máis datos aos que ti enuncias no teu argumentario, suma estes, por favor:
    O primeiro AVE inaugurouse o 21 de abril de 1992 (Madrid-Sevilla). Pasados 21 anos, en Galicia non temos AVE, temos ALVIA que é un híbrido que nin pode alcanzar os 310 Km/h, nin dispón das medidas de seguridade do seu curmán afastado, e nunca mellor dito, o AVE. Cousas do “destino”. De termos un AVE non se produciría o accidente de Angrois, xa que a computadora de a bordo, frearía o comboio ao acadar unha velocidade que non se correspondería co que lle indica o sinal de 80Km/h. Concluímos, logo, que o “destino” non xogou partida neste “enterro”.
    Feijóo mentiu onte cando falou, en directo, para a Sexta. Fachendeou ao afirmar que en menos de dez minutos, todos os dispositivos de seguridade, protocolo, etc., estaban en marcha. Mentira patética! De dous helicópteros dispostos para tal fin, ningún chegou a voar: un por mor da néboa e outro por mor dunha avaría.
    O super-Presidente tamén silenciou (o silencio e as medias verdades forman parte da mentira máis cruel) que o hospital de Conxo, situado ao pé do accidente, non recibiu a ningún ferido porque, por mor dos recortes e da súa política de austeridade –presume de ser o campión-, teñen cinco quirófanos pechados. Iso si, mentres en Conxo un bo número de médicos e cirurxáns se presentaron no centro, nun acto de solidariedade que os honra; o goberno galego derivaba ao Policlínico La Rosaleda (privado), parte deses afectados polo accidente.
    Os bombeiros da Coruña pediron ir ao lugar do sinistro. A resposta foi negativa: cos que había, abondaba. Entre o que foron non había nin “radiales” (lembremos que foron, precisamente, os veciños de Angrois os que, rompendo a malla metálica, permitiron o acceso ao escenario da desgraza, aos bombeiros) Os de Coruña dispuñan de 50 radiais. Cóntanme que os bombeiros que estaban a ver as imaxes por televisión, botaban fume pola impotencia que sentían.

    E xa para rematar e a título particular: A min Feijóo non me emociona nin me emocionan a súas emocións. Recoñezo que el non tivo culpa ningunha, faltaría máis, no desgraciado accidente. Mais, un presidente que silencia as realidades que veño de relatar non merece dirixir un pobo nin enganalo con “emocións” estudadas e propias dun lampantín vende-fume.
    Talvez, os tempos son chegados nos que Feijóo deba viaxar á vila que máis o ilusiona: Madrid.

    ResponderEliminar

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...