© blog: Son de Oleiros

sábado, 26 de febrero de 2011

COMPLEXO DE SUPERIORIDADE

Hai unha actitude prepotente e mesmo de chulería nalgúns medios de comunicación que teñen a súa base na “capital” dun area metropolitana que as autoridades de María Pita aínda non teñen interiorizado como poli-nucleada.
Respecto do asociacionismo veciñal e das formacións políticas con raigame localista esténdese un tratamento de ninguneo cando non desprestixio por parte dos representantes dos grandes partidos estatais que xogan o xogo demagóxico de falar para moitos coruñeses que interpretan aos concellos “residenciais” como unha eira para o puro descanso e comprácense en rir as gracias de cantos cualifican como paletos ou ancorados nun atraso secular aos habitantes autóctonos destes predios.
Por suposto non se pode xeneralizar, pero téñenme dado trato “diferencial” en axencias bancarias e grandes almacéns a colación da miña condición de Meracho.

–Ay, eso es bien bonito, que yo tengo ido a la playa en el verano. La pena es que quede tan lejos. Además allí mucho arreglo no tienen aún, la verdad. Para cualquier cosa tienen que venir a Coruña, y eso es lo malo. Mire, ¿y alguna cosiña más?

Por extensión, tampouco toman en conta que por estes lugares hai un goberno lexítimo, elixido polo pobo e que os pretendidos status e o “usted no sabe con quien está hablando” serven para pouco cando se trata de saltarse as normas municipais ou os protocolos que rezan para todo o mundo.

Ese complexo de superioridade é máis indixesto se o ostentan e exercen os que se postulan como candidatos con moitos méritos para gobernar un pobo cuxa pulsión íntima non tiveron o mínimo interese en mamar. Van polas emisoras facendo dos asuntos veciñais chistes e materia de confrontación electoral, desde unha mentalidade colonizadora e de goce gratuíto dos encantos dun territorio ao que se sinten vinculados so en dereitos e nunca en obrigas ou peaxes, como se o modelo de desenvolvemento e crecemento sostible que os trouxo a vivir aquí fora algo caido do ceo.

Ao fin, temos uns medios de comunicación manchados, respondendo a uns intereses de status social, de clase aburguesada de novos ricos de costas ao movemento veciñal e buscando os apoios nunha proporción de residentes nocturnos que fan da súa radicación pouco máis ca un accidente, o cal non deixa de ser lícito.

Sen embargo, co transcurso do tempo estáse a consolidar un xeito de integración dos venideros nos concellos do gran área metropolitana que supón un freo para o ascenso fácil dos “señoritos” dos grandes partidos. O certo é que uns ritmos de crecemento da poboación máis racionais e o contacto cos problemas e as oportunidades no entorno municipal están achegando aos cidadáns de calquera signo ao coñecemento de primeira man do tecido que sustenta as súas vidas e probablemente esixan aos que lles lanzan propostas de adhesión curriculums vitae nos que os méritos aparezan coa forma dos feitos e as traxectorias persoais sexan ven visibles.

É a trazabilidade aplicada tamén ás persoas, e con máis motivo aínda aos políticos. Vainos nisto a diferencia entre acertar ou morder o anzol. Vainos nisto o futuro.

lunes, 21 de febrero de 2011

REDES SOCIAIS

Teño un amigo solitario, esquivo, arisco, dedicado enteiramente ao modelismo a escala por encargo de empresas, institucións e promotoras inmobiliarias. É un traballo moi axeitado para o seu perfil de persoa auto-illada que xa non sente a necesidade de mudar, a pesares de que eu, a súa única licencia á exteriorización, tentei durante anos socializalo.
Pero a miña sorpresa foi ben grande cando o outro día, por azar, vin a atopalo na rede social Facebook, onde aparece con 1951 amigos declarados: un tecido construído, conforme logo me contou, a partir da súa adhesión, correspondida, a unha única persoa, pero de moito mundo. Aos poucos, o meu amigo foi artellando un universo de relacións virtuais, cultivando desde a distancia os detalles que se negaba a coidar en persoa.
O mundo garda hoxe paradoxos semellantes; medran os fluxos de comunicación e contacto virtuais e, sen embargo, nunca houbo tanta soidade. Hai moita xente que volve do traballo coas alforxas sentimentais baleiras e afúndese no sofá ou no leito co seu inseparable portátil á procura dalgunha mensaxe que lle aporte algo de calor. Mais vexo certos perigos nesta sobrealimentación comunicativa a distancia: impostación dunha personalidade falsa, duns atributos que non se dan na realidade; incapacidade para materializar e exteriorizar coa presencia física o que se transmite desde a distancia e a falla de compromiso efectivo...
A evolución dos xeitos de comunicación entre os seres humanos é imparable. Pero en este entorno tan cambiante para que non se vexa comprometido o código ético nas relacións e preciso fortalecer a educación, desde a escola e na casa, para atopar nos novos medios instrumentos ao servizo dos individuos e non ao revés, como está a acontecer, por desgracia, en moitos casos.

jueves, 17 de febrero de 2011

De coleccións

Os tratados de psiquiatría establecen que o coleccionismo é un xeito de conduta acumuladora que pode chegar a considerarse como unha patoloxía cando, quen a padece, chega a perder calidade de vida ou causa estragos na familia. Detrás dun coleccionista compulsivo hai unha perda de control, de racionalidade que leva a mercar tres mil pares de zapatos, como Imelda Marcos, cen bolsos de Loewe, ou a recoller obxectos diversos, por máis escangallados que estean, dos contedores.
Tamén elevan o coleccionismo a un grao patolóxico os que teñen corenta cans nun patio interior, os que gardan nun caixón bragas ou suxeitadores usados, os que arruínan á familia con tal de tunear o coche, os que debuxan unha cruz nun caderno cada vez que se deitan cunha muller...
Ao longo da miña vida teño convivido con coleccionistas de case que todo o imaxinable: caixas de mixtos, bitolas, miniaturas de trens, coches, motos ou botellas de bebidas espirituosas, barallas, chisqueiros, chapas, xerras de cervexa, reloxos, pipas, plumas...
Outra categoría de coleccionismo sería a que atende a unha finalidade lucrativa aos ollos dos demais: selos, edicións únicas, obras de arte, xoias... por máis que detrás dun presunto inversor, ás veces, custe traballo distinguir a parte profesional do lado escuro.
O certo é que en tódalas persoas coleccionistas coas que fun tendo trato ao longo da miña vida atopei rasgos comúns: todos son individuos un pouco raros, cohibidos e pouco dados a saír de tazas ou de excursión.
Deben de sabelo ben as editoriais , porque durante todo o inverno levan bombardeándonos con publicidade de coleccións de toda pelaxe. Nunha sociedade cun nivel de ansiedade tan grande e, por tanto, tan proclive a desenvolver mecanismos adictivos, de compensación, de seguro que pescan cada ano a máis incautos que acumulan nos caixóns galeóns ingleses do século XVIII ou cen pares de anteollos de época.

miércoles, 16 de febrero de 2011

MENÚ DO DÍA

É Precisa unha dose de precaución extraordinaria os fins de semana á hora de parar a comer na ruta. Nalgúns establecementos optan xa por suprimir a oferta do menú do día e serven á carta. Non hai problema ningún; o cliente mira o prezo de cada prato, das larpeiradas, da bebida... Só o pan e o café poden incrementar un pouco a factura.
O problema ven neses restaurantes da ruta onde coexisten Sábados e Domingos o menú do día e as racións. Ocorre con frecuencia de máis que o cliente, inocentemente, pide o menú pero introduce unha variación para algún dos comensais nun dos pratos por algún motivo de saúde. Daquela a sorpresa chega á hora de pagar, cando os hostaleiros interpretan que os clientes comeron fora de menú por cambiar a o revolto de cogomelos por unha sopa e a empanada por un caldo e estenden a consideración “á carta” a todo o grupo, dándolles un pau que os deixa sen capacidade de reacción, como non sexan as frases típicas da xente educada pero branda de máis: aquí non nos ven o pelo máis, trinta euros por un toro de pescada, eu tardo tres días en gañar estes cartos...
O dono, considerando que os clientes eran uns snobs, fillos de papá, funcionarios forrados, ou en calquera caso xente que con tal de non cociñar os fins de semana non discuten por sesenta euros arriba ou abaixo, aínda ten o coraxe de dicir: “os cafés non llos cobro, que invita a casa”.
O efecto a medio prazo para ese empresario, nun lugar que non é netamente turístico, é perverso: os clientes traizoados falarán pestes dese restaurante.
Na política de prezos e na atención ao cliente nestes tempos de recesión económica chama atención a práctica, anacrónica e contraria á lei da oferta e a demanda que consiste en subir os prezos para compensar o descenso das vendas, no canto de centrar o foco na relación calidade-prezo, na capacidade do cliente para pagar e na comparanza coa competencia.
Un anacronismo semellante atopámolo na fórmula que veu empregándose para fixar a suba dos salarios. Tradicionalmente téñense negociado en relación directa coa suba do IPC, mentres nas economías máis puxantes o factor da competitividade ven sendo a referencia máis importante para establecelos, tanto máis canto maior e a apertura aos mercados internacionais, á economía global.
En Galicia é un mal endémico a carencia de profesionalidade no sector hostaleiro. O primeiro negocio, familiar, no que pensaban os retornados da emigración ou os que marchaban do rural ás cidades era o bar. Nalgúns barrios chegou a haber un por cada portal. Máis da metade eran atendidos pola muller, namentres o cabeza de familia se deixaba caer nel nas horas que llo permitía o traballo por conta allea. Hoxe sobreviven bastantes a partir dese esquema, y con frecuencia son xa o único e precario sostén da familia.
De tal xeito que, como é propio dunha fórmula de funcionamento autodidacta e autónoma, unha porcentaxe ben importante dos hostaleiros adoecen dunha falla de oficio xa irreparable. Un ten a impresión, ao entrar nalgúns bares, de estar violentando a intimidade dun fogar. Hai que cubrir unha instancia para ser servido e outra para que che cobren. E non intentes pedir cacahuetes ou olivas coa cervexa. Como di Miro Pereira: “Nin que isto fora un bar!”.
Os estudantes de Hostalería buscan un perfil de traballo normalmente en hoteis fora de Galicia, de tal xeito que pasarán aínda moitos anos ate que a competitividade se instale tamén nun gremio tan diferente, por exemplo, en Madrid: –“¿Qué va a tomar el señor?”–, escoitas non ven entraches no local. –“Una Estrella, bravas e ali oli!”–, porque exportando valores somos a hostia.

martes, 15 de febrero de 2011

A Galicia invertebrada

Foi moi estraño o comportamento dos cans, ceibos, cando entraba na aldea. Todos de raza loba, achegáronse a min sen tan sequera ladrar, con ademáns cansos, desganados, apáticos. As casas, todas de pedra e cos tellados, afundidos, de lousa, abrigábanse baleiras unhas a outras formando un escenario espectral. Logo dun anaco descansando sentado nunha rocha de granito, no medio e medio da aldea, achegouse un vello duns oitenta e tantos anos, apoiado nun bastón, para falarme nun ton amable:

Non teña medo ningún que os cans xa non teñen nada que gardar.
E logo, non teñen dono?
Aquí xa non queda ninguén, mozo. Só eu e Dosinda, que vive naquela casa cun cepo na porta. Á ela aínda lle quedan forzas para partir leña. Eu apáñome cos cascallos e algún cachotes que quedan nos alpendres.
Daquela na súa casa vive vostede e mais ninguén?
Vivo. Os fillos marcharon para a capital hai trinta anos. Tamén teño unha filla en Barcelona que me levou aló cando o desta perniña.
Que lle pasou?
Foi hai cinco anos. Eu andaba a face-la augardente e tropecei no condenado alambique. A perna derretíase coma un cacho de touciño preto do lume. As lapas coméronme a carne ata quedar o oso á vista. Moito berrei, ate que veu Dosinda a apagarme cun farrapo. Estiven en Barcelona unha boa tempada. Pol-a filla aínda seguía alí, rodeado de coches e de cemento.
Pero aquí, sós os dous, na aldea... se se poñen malos tamén será un problema, non si?
Aquí non se pode enfermar se non é para morrer. E agora vou apañar unha castañas, que para plantar patacas xa non quedan forzas. Bos días, Dosinda!
Ola, Xosé. E logo este mozo, quen ven sendo? O xenro?
Non muller. É un camiñante. Estáballe a falar do sós que estamos.
Elle ben certo, si señor. Aquí xa non quedamos mais ca nós e os cans. Ten vostede familia?
Teño. Muller e dous fillos.
Pois eu regálolles aquela casiña se veñen vivir á aldea. Nela naceu o meu pai, que Dios o teña na gloria.
Agradézollo ben, muller. Pero os nosos traballos, a nosa vida está na cidade.
Na cidade, na cidade! Ca, todos amoreados, respirando o fume dos coches e comendo merda. Bo, o dito. Se pensan outra cousa, eu son muller de palabra. Non si, Xosé?

Acompañei un par de horas ao señor Xosé, axudándolle a apañar castañas. Unha parte dese tempo pasámola sentados nun outeiro, agardando a que remataran a labor unha partida de cazadores tras dun xabarín. Nas palabras do vello só había referencias ao pasado. Nin o presente nin o futuro existían xa para aquel home que lembraba con bágoas mal disimuladas os tempos en que na aldea se podían escoitar as risas e os prantos dos cativos e os días deixaban un pouso do que poder falar.

lunes, 14 de febrero de 2011

TER UNHA IDEA

Ter unha boa idea, desenvolver as mañas para levala a cabo, procurar os medios, os cartos, crear un equipo, delegar sen deixar de exercer o liderado... nun principio, ter unha boa idea. Semella un obxectivo doado, mais unha porcentaxe ben grande da xente, mesmo nesta conxuntura na que acadar un traballo require tanto de aguzar a imaxinación, da a impresión de non apreciar bastante.
Escribir un libro, plantar unha árbore, ter un fillo... pero, e ter unha idea?. Nada máis ca unha, brillante, coa que andar pola vida cun selo singular.
O mundo dos negocios aporta moitos exemplos de empresas punteiras nacidas a partir dunha idea cualificada como peregrina, como a alucinación dun tolo visionario. A fregona, o chupa chups, o velcro, as tiritas, os post-it, a tinta coa que escribo estas reflexións... case que todo o que conforma o noso entorno cotián e que fai da vida algo máis pracenteiro naceu dunha idea aventurada que afrontou moitos e moi traballosos atrancos denantes de materializarse en algo valorado.
O estado de benestar ten unha débeda cos creativos, os adiantados ao seu tempo, eses que teñen vocación de abrir camiños. Nas escolas, nas asociacións, nas empresas e en calquera colectivo humano sería preciso por máis en valor a capacidade de xerar e transmitir ideas. Tamén o Estado, a través da Oficina de Patentes e Marcas, e os axentes sociais, a Banca e os gremios profesionais teñen un compromiso aínda mal atendido de facer máis doados e áxiles os trámites burocráticos que garanten a propiedade das ideas e facilitan o deseño dos modelos que emanan de elas, previos á produción en serie.

domingo, 13 de febrero de 2011

O SÉCULO DAS MULLERES

A sociedade española segue a ser machista logo de varias décadas desde que desapareceu a Formación do Espírito Nacional. Semellaba que co acceso da muller ao traballo fora da casa e, sobre todo, á Universidade aumentaría o grao de igualdade de oportunidades e a complicidade do home en todo o relativo ao xeito de afrontar o día a día doméstico.
Pero a realidade e teimuda. O peso da crianza e a educación dos cativos e das tarefas de intendencia precisas para levar unha vida digna recae, tamén nas novas xeracións, na muller. A pegada da cultura, da educación transmitida xeración tras xeración non abonda para explicar este fenómeno de permanencia de prexuízos propios de sistemas interesados en manter relegada á muller a papeis secundarios e de escaso protagonismo nos órganos de decisión. Son os mass media os que prolongan unha segmentación perversa encamiñada a manter os status diferenciados entre consumidores e consumidoras, cadaquén como diana dun arsenal de produtos ben definidos, desde a creación interesada dun clima de cohesión por razón de sexo.
Mais unha boa parte das mulleres están a rebelarse contra destas manobras redutoras e constitúen xa, cun esforzo da súa parte diferencial respecto dos homes, unha clase de seres ben autosuficientes, capaces para progresar e para vivir de acordo co seu proxecto a pesares dos homes e tamén das mulleres machistas.
A sociedade culminará neste século unha transformación total, un tránsito a xinecocracia. As mulleres empezan a ser maioría no estamento médico, no ensino, na Administración... namentres os homes son maioría en traballos de baixa cualificación. Deixou de ser predominante o modelo de parella integrada por técnico profesional e empregada do fogar. Xa non é imposible ver a unha médica casada cun repartidor, se ben é certo que a muller conserva nos xenes o instinto de sentirse protexida e resulta máis frecuente que, de xuntar o seu destino co de alguén, elixa a unha figura que reproduza a protección recibida do pai cando nena e viva cun profesional polo menos dun status profesional parello, e con inquietudes intelectuais comúns.
Para acadar esa consolidación do cambio da posición de poder e influencia da muller dentro da estrutura social só resta que poida acceder de feito e con máis normalidade a órganos de decisión en colectivos, empresas e Administración. E aí onde o home aínda resiste, pero non por moito tempo.

sábado, 12 de febrero de 2011

A SAÍDA DA CRISE, Parte II: A capacidade dos políticos baixo sospeita.

A SAÍDA DA CRISE, Parte II: A capacidade dos políticos baixo sospeita.

O plans operativos de Goberno, Oposición, Empresa e Sindicatos non debe limitarse, nun escenario global competitivo, ao estudo e aplicación de medidas de aforro na aplicación do estado de benestar. O incremento da competitividade ten de constituírse no elemento re-lanzador da economía e para ilo o recurso de reducir salarios e incrementar horas resulta moi anticuado. O prioritario e redefinir os campos produtivos, adquirir a cultura do “Know how” en tódalas escalas da empresa e da función pública, e perseguir a excelencia na formación e no desempeño profesional.
Por desgracia estes temas non son prioritarios nin na axenda do executivo central nin nos plans autonómicos, exceptuando ao País Basco. Os cursos formativos que ofrece o Inem vencellados ao dereito á prestación non contemplan a apertura a un novo escenario e abundan en tópicos xa sobresaturados na oferta de man de obra.
A Administración ten de ser imaxinativa e os cidadáns cómplices na perda dese medo á liberdade para repensar a sociedade. Non digo que non sexa importante a alfabetización informática ou o manexo elemental das ferramentas de xardinería. Pero estamos a ignorar un capital que en Galiza permitiría a absorción dos desempregados, a posta en valor do patrimonio natural e a explotación racional e sostible dos recursos, con resultados ademais positivos na vertebración do espazo.
Estou a falar da reocupación do campo, da repoboación de núcleos abandonados que cumpre restaurar, na proliferación de granxas mariñas, na des-ubicación, lonxe das rías, das industrias contaminantes para proceder ao drenaxe e á semente das cetáreas, no incentivo da plantación de madeira autóctona e a posta en valor dos montes, no fortalecemento e protección dun clúster galego da leite e derivados que xustiprecie o traballo dos gandeiros, na ampliación da rede de bibliotecas de barrio, vs. a macrobiblioteca do Gaiás, con cuxas dotacións a edición en galego e a lingua teñan presente e futuro, a redefinición da necesidade de espallar a acción cultural en espazos permanentes nos barrios e vilas que supoñan un alicerce para a consolidación das vocacións teatrais e musicais e contribúan ao renacemento das vocacións artísticas... Estou tamén a referirme a incentivar as bolsas de tempo para que a propia sociedade se dinamice e contribúa a paliar o déficit de asistencia social e atención a dependentes, como tamén da necesidade de que a Administración coparticipe na investigación tecnolóxica e nos proxectos innovadores.
É moi difícil para un galego triunfar en Galiza. Xa partindo da base de que somos o único pobo no mundo que renega da súa propia lingua, de moitos dos seus atributos e que non temos nin simboloxía nin proxectos que compartir como pobo. A clase política galega con acceso ao poder non pensa tampouco en clave de país. A partir dilo compréndese mellor que sexa máis doado atribuír, como fai o presidente, o fracaso na creación de emprego ao papel infame da oposición.
Desa recorrencia ao “e ti máis” sae perdendo a sociedade galega, que non ten diversificado o risco de afundimento. Agora mesmo a estabilidade das grandes cidades descansa perigosamente na continuidade de Citröen e Zara. Houbo moitos anos de bonanza para ir ampliando o colchón, pero os políticos de este país funcionan por reacción e nunca por anticipación.
Ao fin, a necesidade de seren pro-activos debería formar parte do test aptitude psicolóxica levado a cabo por persoal especializado na selección de recursos humanos e que, nos tempos que estamos a vivir, debería ser de cumprimento obrigado para os nosos dirixentes, tendo en conta que aínda o traballador menos cualificado ten de pasar por ese filtro. Coa intervención dunha boa consultora evitaríase que persoas cuxos méritos teñen que ver con aprobar unha oposición consistente en amosar que se teñen memorizados varios tomos de temarios teóricos e que nunca tiveron que tomar decisión ningunha relativa á aspectos de xestión, cal fai un empresario, poidan chegar a ser os xefes da empresa máis grande do país: o Estado.

viernes, 11 de febrero de 2011

A SAÍDA DA CRISE, PARTE I: A superación das auto-limitacións

Dicía un filósofo alemán que a meirande vergoña para o ser humano é a de negarse a extraer de si mesmo o mellor.
É unha boa teoría, que pode chegar a sustentar unha lei non escrita sobre o xeito en que a sociedade tende ao progreso. Mais hai que tomala con cautela. Cumpre ter conta dos condicionantes individuais, entorno, valores, circunstancias familiares, crenzas que pesan detrás de cada decisión, de cada paso nunha ou noutra dirección. Neste momento que vive o noso mundo cobra máis validez terapéutica que a mesma farmacoloxía a lectura dos filósofos, que puxeron en perigo a súa saúde mental para tentar salvar a do resto dos mortais.
Nas grandes cidades, por aquí e por acolá, pululan fornadas de cidadáns que se negan a asumir a responsabilidade de levar, eles sós, o timón das súas vidas. A súa existencia está construída sobre os cimentos de renuncias, de fuxidas e de refuxio no que menos tensión provoca no curto prazo de tempo. Ao mesmo tempo, reclaman do Estado e das Administracións locais e autonómicas solucións para tódolos seus problemas, depositan nos médicos a responsabilidade da súa curación e nos mestres, exclusivamente, o deber de educar con bo aproveitamento aos seus fillos. É un reflexo do medo compartido e, por tanto, menos oneroso, á liberdade: liberdade para esixir dereitos pero, e isto é esquecido, tamén para asumir deberes. Entre eles, o de reportar á sociedade o valor do mellor desempeño profesional no beneficio non só da familia senón tamén do sistema.
Mais esta é hoxe unha idea anticuada e quen a esgrime é cualificado de comunista e anacrónico. Sen embargo, nestes tempos de recursos limitados cumpre ter presentes os custes millonarios para o Sistema da formación de médicos, controladores aéreos, enxeñeiros e profesionais moi cualificados. Por iso, e aínda recoñecendo a o dereito á liberdade individual de decidir o destino profesional, hai que concluír que é unha pésima inversión para un país investir na completa formación de profesionais e investigadores de grande cualificación para que logo non revertan os seus coñecementos no propio país que fixo o esforzo.
A saída dunha crise como a que vivimos, conxuntural pero tamén do modelo, do sistema, precisa dunha visión a longo prazo, con incrementos -que non reducións- en I+D+I e en políticas activas de fomento de novas fontes de emprego, cando a realidade e que o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten as competencias transferidas, reduciu os orzamentos nun oitenta por cento.
O escenario resultante e desolador: a clase política sen un plan de ruta pactado para traballar cos axentes sociais na descuberta de novos nichos de emprego e na definición dunha sociedade con necesidades distintas e con orientacións diferentes para estimular e investir o aforro na xeración de estruturas produtivas non especulativas, con futuro. (Continuará)

viernes, 4 de febrero de 2011

HAMBURGUESAS VERSUS DIETA ATLÁNTICA

Por algo será que os galegos, cunha renda per cápita das máis baixas de Europa,
viven sen embargo tantos anos como os xaponeses, os escandinavos e os franceses e seis anos máis ca os estadounidenses. Algo terán que ver os hábitos alimenticios.
Moito se ten falado e escrito, merecidamente, das excelencias da dieta mediterránea, que integra tódolos nutrientes e ademais e rica en minerais, antioxidantes e fibra.
O mesmo ou se cadra aínda maior recoñecemento merece a dieta atlántica, na que tamén teñen gran protagonismo legumes, aceite de oliva, carnes derivadas da administración de herba, lavadura e maínzo, verduras e froitas da tempada, peixe e, aínda por riba, mariscos cuns aportes de iodo, cinz, magnesio... extraordinarios, e viños afroitados de baixa graduación e formidable presencia de polifenoles.
Ademais en Galiza sobreviven modelos de produción caseira de carnes e hortalizas absolutamente ecolóxicos, con ausencia de aceleradores de crecemento baseados nas hormonas.
A matanza do cocho, dun carneiro, cabrito ou tenreiro para o consumo doméstico é unha festa -aínda ben entendendo que habería que aplicarlle unha descarga ao animal que lle aforrara sufrimento e agonía- e os despezamentos son empregados na dieta durante todo o ano xunto con nabizas, grelos, repolos, tomates, leitugas, cebolas, allos, cenorias... e viño, preferentemente tinto.
O peixe, na súa meirande parte procedente da flota de baixura, e o propio das augas bravas e frías, cunha riqueza organoléptica suprema.
Percebes, ostras, vieiras, santiaguiños, cigalas, centolos, nécoras, camaróns, mexillóns, berberechos, caramuxos, navallas, zamburiñas... Os mariscos das costas galegas teñen as maiores concentracións de proteínas e sales minerais dentro da súa especie e considerados tódolos habitats oceánicos.
O pan faise por estas latitudes de xeito artesán, con moendas nas que se respecta a riqueza da casca do gran. O tempo e a temperatura de cocción xogan un papel máis importante que o das levaduras e aditivos. Apreciábano ben os romanos, que mesmo construíron as calzadas para vir buscar o pan de Cea e o viño de Amandi.
Os mananciais son todos curandeiros. A variedade de augas e paradigmática: unhas son ricas en sulfuro, outras en magnesio, en iodo, en litio, ferro, silicio...
En fin, que a dieta Atlántica, se a Administración e os axentes sociais poñen algo tamén de interese, está chamada a merecer o meirande recoñecemento da comunidade científica internacional, e, xa que logo, o estatus de ben exportable, moi por diante das hamburguesas.

Libre asociación en Arteixo para celebrar o San Xoan?

¿Vivimos nun Estado democrático?   Un grupo de veciños de Arteixo unidos pola súa ideoloxía (materializada nos proxectos de Alternativa dos ...